miércoles, 19 de febrero de 2014

Primeiro Congreso de Economía Galega de Lugo.



Os días 7 e 8 de outubro de 1925 celebrouse no salón de festas do Círculo das Artes de Lugo o primeiro congreso de economía galega. En plena ditadura de Miguel de Primo de Rivera, o alcalde lucense Eduardo Rosón, permitiu e incluso impulsou este congreso. Aínda que poda parecer unha decisión extraordinariamente ilóxica nun ambiente de represión política máis ou menos explícita, a verdade é que algúns membros activos do novo réxime estaban marcados por un claro pasado nacionalista. É o caso de Xulio Pérez de Guerra, un dos relatores do congreso, e que fora o tesoureiro da Irmandade Nazonalista de Lugo en 1918. Tamén debemos encadrar este congreso nunha estratexia do nacionalismo galego, que decide afrontar os novos tempos, pouco favorables para un accionar político directo, cun programa de “construción nacional e de hexemonía social” que parecía ideado polo mesmo Antonio Gramsci. Catro anos antes nacía a Misión Biolóxica de Galicia, e en 1923 creábase o Seminario de Estudios Galegos, verdadeiro contra poder cultural do galeguismo para a reconstrución histórica, lingüística, científica e social do país.
Misión biolóxica de Galicia en traballo de campo

Ademais das publicacións e dunha utilización real dos medios de comunicación máis lidos (non hai que esquecer que na cidade de Lugo algúns dos directores de xornais, como o propio Pérez de Guerra, Vega Blanco ou Xesús Cora e Lira, beberan directamente nas fontes galeguistas), tamén ensaiaron uns anos despois as Escolas de Insiño Galego, que dirixidas por Ánxel Casal, chegaron incluso a ter local propio na Praza de María Pita, na cidade de A Coruña. Non é por acaso que chegada a Guerra Civil, os sublevados decidisen acabar co Seminario de Estudios Galegos e ceifar a vida a Ánxel Casal, e por suposto ao secretario de organización do Partido Galeguista, Alexandro Bóveda.

Porque o certo é que se botamos unha ollada aos asistentes do congreso atopamos a unha nutrida representación de vellos coñecidos do galeguismo: Amador Montenegro Saavedra, Manuel Banet Fontela, Eloi Luís André, Salvador Cabeza de León, Juan Rof Codina, Arturo Palacios (da “sociedade de dependentes” de comercio de Lugo que tamén integraría a Irmandade Nazonalista de Lugo), Isaac Correa Calderón, Evaristo Correa Calderón, Pérez de Guerra, Xesús Bal y Gay, Ángel del Castillo, Amor Meilán, Carré Aldao, Vicente Risco, Lousada Diéguez, Ramón Fernández Mato e por suposto, a alma da Misión Biolóxica de Galicia, Cruz Gallastegui. Nese Congreso falouse de todo, dunha forma múltiple e fonda que para si desexarían as nosas universidades actuais, demostrando que o galeguismo naquela altura estaba preparado para afrontar un verdadeiro programa de goberno. Entre as conclusións, as bases para a construción dun Goberno Rexional, verdadeiro antecesor do Estatuto do 1936 e que recollía unha serie de competencias para o Poder Rexional que nos fan pensar que o de hoxe en día son en realidade as migallas do naufraxio. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario