jueves, 13 de marzo de 2014

As xornadas médicas galegas de Lugo. Ano 1933.

Os asistentes ás portas do Hospital de Santa María. 
De entre a multitude de actividades realizadas na cidade das murallas coa chegada do goberno republicano temos que destacar as III Xornadas Médicas Galegas celebradas no Pazo Provincial os días 11, 12 e 13 de Agosto de 1933. Aquelas xornadas médicas, tristemente esquecidas, foron un verdadeiro congreso galaico portugués de medicina, apenas comparable en número de asistentes, con nomes fundamentais para a historia galega, a aquel Congreso de Economía Galega que se celebrou en Lugo en 1925.
O programa anunciábase cunha nutrida presenza de médicos portugueses. Prometíanse tres relatorios principais: O primeiro titulado “Hixiene da vivenda rural en Galicia” tería como autores ao arquitecto Antonio Palacios, Castelao (que se anuncia como médico), Regueiro López e Cruz Gallastegui.
Rodríguez Cadarso. Presidente das Xornadas
Finalmente só Regueiro López presentaría a súa parte nas xornadas porque Castelao e Cruz Gallastegui non puideron asistir. Descoñecemos se Castelao e Cruz Gallastegui escribiron finalmente o relatorio aínda que non puideran presentalo. O segundo levaba por título “A lepra en Galicia e Portugal” sendo os relatores Manuel Villar Iglesias, Gayanes Cedrón e o dermatólogo lucense Ricardo López Pardo. O terceiro “Problemas sanitarios da emigración e inmigración en Galicia” sería realizada por Souto Beavis, Enrique Hervada, o inspector provincial da sanidade de Lugo, Julio Freijanes, e o director da Maternidade de Lugo, Xermán Alonso Hortas.
O comité organizador estaba composto polo presidente de honra, Dr.José Goyanes; presidente efectivo, doutor Alejandro Rodríguez Cadarso, reitor da Universidade de Santiago; vicepresidente, Dr. Manuel Villar Iglesias, profesor da Facultade de Santiago; Dr. José Lomas Díaz, presidente do Colexio Médico de Lugo; Dr. Roberto Nóvoa Santos, catedrático da Facultade de Medicina de Madrid; Dr. Antonio  Novo Campelo, decano da Facultade de Medicina de Santiago; secretario xeral, Dr. Francisco Bacariza Varela; secretarios adxuntos, Dres. Juan Varela Gil e Ángel Jorge Echeverry. O comité lucense estaba formado por José Lomas Díaz e Manuel Pardo Valiña.
Xosé Lomas. Comité organizador de Lugo

Finalmente, as xornadas comezaron o 12 de Agosto no salón de actos da Deputación de Lugo baixo a presidencia do ministro de gobernación, Casares Quiroga. “El Progreso” infórmanos da imposibilidade de comezar as xornadas o día 11, como estaba previsto, e que foron engalanados con iluminacións os edificios principais da cidade. Tamén foi organizado un concerto da banda municipal en homenaxe aos asistentes e o último día tamén actuaría o coro Flores e Silveiras. Non todas as comunicacións foron lidas na cidade de Lugo. A primeira delas, a que tiña que ser exposta por Castelao e Cruz Gallastegui, foi lida no Cebreiro, na excursión que os asistentes realizaron por Samos, Pedrafita, Balneario do Incio, Sarria, Becerreá e Vilapedre, e segundo as crónicas fíxose “ante las rústicas y originales Pallozas”. Despois viñeron as conferencias: as portuguesas e as galegas. Dentro destas últimas destacan as conferencias de Rafael de Vega Barrera (fusilado na guerra civil), o famoso doutor lucense Leopoldo Gasalla ou o ourensán Peña Rey. Tivo moito suceso a conferencia impartida polo doutor lucense Alonso Hortas, padrasto dos Pimentel e un dos responsábeis da homenaxe a Castelao no ano 1932, co título “Profilaxe da difteria” e a de Ángel del Castillo que para distender as xornadas impartiu unha conferencia sobre as lendas no Cebreiro.
O oftalmólogo lucense Leopoldo Gasalla
Houbo tamén sesións operatorias e aulas prácticas no Hospital de Santa María e a proxección de dous filmes. Un portugués “O novo pavillón de radio no Instituto portugués de Oncoloxía” e o segundo de López Lacarrère: “Electrodiafaquia”.
Na clausura déronse lectura ás conclusións que publicamos ao final deste artigo e convidouse para as seguintes, na cidade de Ourense, e solicitan unha mudanza no nome para que pasen a ter o nome de “Xornadas Médicas Galaico-Portuguesas”.
Algunhas conclusións da comunicación sobre a emigración:
1.       A emigración transoceánica e continental constitúe en Galicia un fenómeno social de grande importancia demográfica.
2.       Para posteriores estudos deste fenómeno imponse unha maior precisión e especialización das estatísticas oficiais.
3.       A causa principal da emigración é o desequilibrio económico producido pola desproporción entre a poboación e a riqueza explotada.
4.       A miseria compele singularmente aos individuos menos especializados, que forman o núcleo principal da masa emigratoria.
5.       O seu traballo desvalorizado nos países de inmigración obrígalles a toda sorte de privacións de reflexión sanitaria.
6.       A repatriación ten con frecuencia por causas a doenza, e principalmente a tuberculose.
(...)
9. A vivenda e os costumes de Galicia favorecen a difusión das doenzas contraídas polos emigrantes no estranxeiro.
(...)
11. Debe contrarrestarse a emigración por medio da creación de novas fontes de riqueza agropecuaria.
(...)
13. Despois de protexelos sanitariamente antes do embarque e durante a viaxe, débeselles tutelar física, moral e materialmente, concertando previsoramente tratados internacionais que condicionen o traballo segundo leis sociais de carácter universal, para que os nosos emigrantes se sintan en todo momento asistidos da influencia da súa propia patria no estranxeiro.
14. É de moita importancia social que os médicos dos nosos Centros Benéficos en América non perdan o tempo intentando curar aos nosos compatriotas cun tratamento médico ambulatorio. O científico é envialos a España cando un diagnóstico precoz poda facer eficaz o plan hixiénico, dietético e cirúrxico.

17. Os fondos procedentes do “tesouro do emigrante”, o seguro contra a tuberculose, un consorcio financiado por Deputacións e Municipios galegos, a implantación con carácter de obriga do selo postal sanitario, o produto da renda de monopolios sobre a venda de determinadas substancias –tabaco- poderían constituír as principais fontes de ingreso quen de atender todas as necesidades da loita.
Visitando o Cebreiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario