O Consello da Galiza, Manuel Colmeiro e a Sociedade Hebraica de Bos Aires (I)
A Sociedade
Hebraica Arxentina de Bos Aires fundouse no ano 1926 tendo como socio número un
nada menos que a Albert Einstein. Foi un dos focos culturais bonaerense máis
importante do século XX -continúa a ser- e polo tanto tamén referencia
fundamental para os galeguistas en determinadas etapas, sobre todo despois da
guerra civil coa chegada dos exiliados. Esa relación, que foi intensa e regular,
nunca foi ata o de agora estudada con profundidade. Sería moi necesario
afrontar esa tarefa nun estudo máis amplo para clarificar até que punto o
galeguismo apostou por unha relación que lle abría non só as portas do
desenvolvemento da súa actividade cultural, senón tamén as portas dunha escasa
e irregular política de alianzas internacionais.
Fotografía dunha exposición de Manuel Colmeiro na Sociedade Hebraica. |
Sabiamos, por
suposto, do continuado labor de Luís Seoane na Sociedade, con cadros, vidreiras
e a organización de actos e exposicións. Sabiamos, aínda que son menos
coñecidas, das conferencias de Paco Luís Bernárdez, na Sociedade Hebraica (con
copia enviada a Rodolfo Prada, por certo). E sabiamos tamén da relación do
pintor Manuel Colmeiro.
É dicir, sabiamos da relación estreita entre a
comunidade hebrea arxentina e o galeguismo do café Tortoni representado por un
sector novo e de esquerdas que tiña en Seoane, Colmeiro e Rafael Dieste os seus
representantes máis coñecidos.
Francisco Luís Bernárdez. |
As
circunstancias eran sen dúbida propicias. O galeguismo sempre tivo unha
posición contundente sobre a guerra mundial, por exemplo. É pertinente a
explicación aínda que semella unha obviedade. Non o é tanto. Os galeguistas
romperon, por exemplo, co semanario España Democrática, onde colaboraban con
outras forzas democráticas, por mor dunha coñecida editorial sobre os
bombardeos nazis sobre Londres. Eran os tempos do pacto xermano soviético e non
resultaba doado, aínda que soe moi contundente, a defensa dos ideais
democráticos diante dalgúns sectores de esquerda.
Pero o que
descoñeciamos era o alcance das relacións políticas coa Sociedade Hebraica.
Habías sen dúbida. O Consello da Galiza, por exemplo, realizou varios actos
públicos naquelas instalacións. Había que saber daquela que profundidade tiñan
eses contactos, tendo en conta que durante aqueles anos de intensa actividade
política e cultural, é cando se crea o estado de Israel.
Solicitei a
Pedro Gómez Valadés a á súa asociación de Amizade con Israel, os contactos
precisos para comezar a investigar esa parte tan descoñecida da nosa historia.
A axuda chegou con Débora Szuchmacher, directora de cultura e da biblioteca
hebraica. A miña benzón a ambos. A documentación que Débora atopou nos fondos da Sociedade, de
momento, non nos aporta aínda toda a precisión desexada nas relacións que a
min máis me interesaban, as do Consello da Galiza e a comunidade hebrea, pero
si no referente ao pintor Manuel Colmeiro.
As datas son fundamentais,
porque estamos a falar de finais da década dos corenta, en plena proclamación
do Estado de Israel. Manuel Colmeiro celebra unha exposición na Sociedade
Hebraica. Sendo este dato importante, sendo un dato fundamental para a
reconstrución da obra e vida dun pintor galeguista como Colmeiro, non é o
relevante. O relevante é, sen dúbida, a carta que Colmeiro publica na revista
da Sociedade Hebraica e que reproducimos de forma inédita neste espazo:
Ou sexa que a
Sociedade Hebraica colaborou, de forma activa, na causa republicana, e polas
palabras de Colmeiro, non nos estrañaría que tamén o fixera na causa
galeguista. Ou sexa, que militantes galeguistas apoiaron, na medida en que as
circunstancias modestas do galeguismo exiliado o permitían, a creación do
Estado de Israel. É lóxico, tendo en conta, por exemplo, que o nacionalismo
vasco tamén fixo unha aposta activa moi clara nese sentido. Nos últimos tempos
téñense publicado novas e reportaxes indicando precisamente esa colaboración.
Imaxe do cadro regalado por Colmeiro ao Estado de Israel. |
Manuel Colmeiro
abriu sen dúbida un camiño interesante, un camiño descoñecido que continuaremos
investigando en artigos posteriores, para entendérmonos moito mellor as
construcións ideolóxicas e políticas daquel galeguismo exiliado e dos seus
modestos intentos por estabelecer as súas propias relacións internacionais.