Historias dos nazis en Lugo (Primeira): Unha festa lucense para Adolf Hitler
En Febreiro e Marzo de 1937
celebráronse en varias localidades lucenses diversos actos de homenaxe ás
ditaduras italiana e alemá. Non tiña transcorrido nin un ano desde a
sublevación militar. Os actos foron organizados pola falanxe lucense para
reforzar os lazos do que se chamaba, naqueles tempos, a “Nueva España” para cos
fascismos amigos. O primeiro deles foi o 26 de Febreiro no Círculo das Artes, e
consistiu nunha homenaxe a Italia.
Un descomunal pano negro decoraba o
escenario. Nel escribiron: “Camaradas caídos. !Presente!”. A marcha real de
Italia e o himno fascista “Giovinezza” abriron o acto. O público ergueuse e
brazo en alto agardou o final da música. O representante do falanxismo lucense,
Antonio Pedrosa, sube ao escenario. Tómase o seu tempo primeiro e despois prende
na palabra o fascista Pedrosa Latas, xefe local de FE no ano de 1936, fillo
predilecto da cidade de Lugo e candidato a Cortes por Alianza Popular en 1977, e
gaba intensamente a figura de Benito Mussolini, a quen chama “cerebro de
Europa”, e que define finalmente como un “corazón de patriota”.
Anos despois
non se arrepentirá Pedrosa Latas de toda a infamia daqueles anos. Anos despois se
cadra aínda pensaba que todos os mortos foron necesarios, a pesar da súa
progresiva acomodación á democracia con Alianza Popular, a pesar dos seus
cargos como procurador en cortes ou consejero nacional del movimiento, aínda
pensaba que claro que si, que todo foi como debía ser, aquel fascista e
asasino. E eu non digo nada, non chamo asasino por chamar, eu non insulto a
ninguén, porque xa se vale o mesmo Antonio Pedrosa nas súas entrevistas para presumir
daquelas cazatas fascistas. Para presumir da violencia. Nos anos setenta, por
exemplo, na entrevista no libro “Los
Lucenses” de Rivera Cela: “Ganar con las armas lo que no pudimos ganar
con las razones”, dicía para explicar a súa actuación na guerra, aínda que
despois puntualiza, sen dúbida para tranquilizarnos “aunque razones nos sobraran”, pero aínda hai máis:“Entonces, aquellos grupos de falangistas no
pensaron más que en el futuro de España como nación, prescindiendo de muchas
cosas, sin prejuicios y hasta remontando una violencia que habíamos sido los
primeros en repudiar, pero aceptándola
en el terreno del honor con sacrificio, con drama, con dolor, con toda la
tragedia que supone una guerra civil”. Traxedia que non lle impediu ao
falanxismo lugués torturar o profesor Glicerio Albarrán nos locais de FE na
praza de Santo Domingo. Naquela noite infame, onde tamén estaba, oculto e nun
segundo plano, pero presente, o intelectual nacionalista Evaristo Correa
Calderón. Non sabemos que foi o que viviu Evaristo, ou mellor dito o que quixo
suprimir da súa memoria, non sabemos se tanto Evaristo como o seu irmán Juan
Antonio (dirixente do falanxismo lucense) lembrarían naquela noite outras
noites máis plácidas no Círculo das Artes, arredor do primeiro grupo de
cinéfilos que houbo en Lugo na época republicana, o Grupo Ars, e no que,
casualidades desta vida, tamén estaba o mestre do Instituto lucense, e ademais republicano,
Glicerio Albarrán.
Pero en realidade non lle debeu parecer moi agradable ao
escritor neirés, non debeu ser unha tortura moi do seu gusto, e non cremos que
falasen Evaristo e Glicerio de cine naquela ocasión, porque a causa daquela
noite Correa Calderón marcharía definitivamente de Falanxe. Traxedia que non
impediu que os seus acólitos, os acólitos de Pedrosa Latas, quero dicir, mallaran
de forma encarnizada en Avelino e César López Otero que morrerían días despois
a causa das súas feridas. Esa era a súa violencia, a violencia”en el terreno del honor”. Pero a memoria
de Pedrosa Latas é unha memoria fráxil. Incluso unha verdadeira desmemoria.
Nesa mesma entrevista, por exemplo, lémbrase moi ben Pedrosa Latas das ofensas
da república: “En este sentido anecdótico
tengo que recordar aquellas célebres sesiones del ayuntamiento de Lugo en el
año 32, cuando se quería prohibir los entierros católicos, cuando la Capilla
del Hospital tenía que convertirse en garage etc etc ... y decidimos
interrumpir una sesión de la corporación municipal; lo hicimos, pero salimos
todos lesionados, especialmente nosotros”. Era moito prohibir de todas
formas, aínda que a anécdota é real, é máis, foi a Juventud Antoniana e a
Juventud Regional de Derechas para máis concreción e a cousa acabou a marrazos.
Diso lémbrase Pedrosa Latas. Pero cando chega a guerra civil di: “lo que puedo decir en ese sentido es que la
Falange de Lugo, entonces, protagonizó políticamente el alzamiento militar
proclamado para el 19 de Julio; aquel alzamiento para el que la Falange estaba
preparada de acuerdo con los mandos militares, al menos en esta provincia, para
el 16 de febrero de 1936”. E aquí omite, ou exerce a súa memoria fráxil, o antigo
procurador en cortes, porque nada máis di. Esquece Antonio Pedrosa Latas a
persoa responsable de organizar aquel alzamento na cidade de Lugo? Esquece
daquela as viaxes a Lugo de Manuel Hedilla para falar cos mandos militares, e
con el, e con Zabarte? Porque é moito esquecer, sen dúbida, aínda que Hedilla,
fascista até a médula, foi expulsado ás tebras interiores do franquismo pola
súa oposición a Franco, e non era un demócrata precisamente Hedilla, senón un
nazi feroz, pero a mente dos partidarios de sistemas totalitarios funciona así,
a saltos, independentemente de que o nome a esquecer, a borrar da historia por
discrepante sexa o de Manuel Hedilla ou o de León Troski. Esquece Pedrosa Latas
a orde de que Juan Antonio Correa Calderón vaia advertir a Mario González Zaera,
oculto na aldea de Carrigueiros, que Hedilla está no Hotel Méndez Núñez para
preparar a sublevación? Porque a memoria de Pedrosa non é tan boa,escasa
incluso, senón falaríanos dos 1300 fusís entregados á FE antes do alzamento na
cidade das murallas. Senón lembraría aquelas palabras de Mario González Zaera,
asasino e estafador entre outras moitas ocupacións (e eu non digo nada, repito,
non son as miñas palabras, neste caso xa o din os tribunais franquistas que o
procesan por esas mesmas causas): “Yo
había recibido órdenes, verbales y escritas, de Manuel Hedilla, acerca de la
intervención de los falangistas en funciones de policía y, para cumplirlas, las
circulé por las cuatro provincias gallegas”. E que en paz descansen Pedrosa
Latas e González Zaera, ou mellor dito, que descansen onde a conciencia lle
deixe repousar, se é que nalgún caso se pode repousar coa memoria chea de
sangue e lama. Se é que nalgún caso as almas de Rafael de Vega Barrera, José
Ramos, Perfecto Abelairas, Ramón García e tantos outros deixan descansar na súa
tumba a Antonio Pedrosa Latas, que, sinceramente, non o creo.
Crónica do acto de homenaxe a Italia e a Mussolini en Lugo |
Antonio Pedrosa Latas |
Evaristo Correa Calderón |
Pero estamos na homenaxe ao
fascismo romano en Lugo. Non nos despistemos. Nos días previos a falanxe facía
chamamentos para que os lucenses asistiran a ese acto por civismo. Despois de
Pedrosa Latas sube Villanueva ao escenario e fala do de sempre: Hitler, o Duce,
Franco, o comunismo, os masóns, Isabel e Fernando ... nada que sexa pertinente,
a verdade. Despois a proxección dunhas películas porque non todo van ser
cancións e discursos. “Camino de héroes” e “Bajo el signo de Littorio”.
Crónica do acto de homenaxe a Alemania e a Hitler en Lugo. |
O 1 de Marzo repítese a homenaxe
nesta caso centrando as honras en Adolf Hitler e os nazis. O Círculo das Artes
está a rebordar. As esvásticas toman presenza na cidade das murallas. A banda
militar do rexemento de Zaragoza interpreta os acordes dos himnos xermanos.
Despois dos militares quen acompaña o interludio musical son os coros mixtos do
Instituto de Segunda Ensinanza. Cando remata o concerto nazi sube ao escenario,
entre aplausos, Juan Villalobos. Entre o seu panexírico de Adolf Hitler, lanza
o fascista Villalobos Solórzano unha advertencia: hai que vixiar a quen pecha o
puño no peto, moito máis perigoso di Villalobos, que quen o fai en público por
odio. Di Villalobos que Alemania estaba nun estado caótico, a causa do
marxismo, e que un home, Adolf Hitler, restaurou a orde co seu mando. Despois a
proxección de “A forza da vontade” e os berros nazis ecoando, ironía macabra,
tan preto dos cadros de Souto e de Colmeiro. O piano do músico republicano Manuel
Sariñena fai tempo que está cercado polo silencio. Se cadra Wagner de contra
Bach. Quere a casualidade que o día anterior morra Maria de la Asunción de
Polanco y Drake de la Cerda, ou o que é o mesmo, a esposa de Evaristo Correa
Calderón. E agora debemos dar un pequeno salto, un salto de dous anos e un mes,
un salto que nos leve a unha editorial curiosa cando menos para un xornal
lucense, unha editorial que enlaza delicadamente co acto nazi de 1937. “Cuando los judíos actúan ...” leva por
título a editorial: “Ultimamente, la
Prensa francesa que sentía el patriotismo, ha dado la voz de alarma acerca de
las maniobras que los judíos, de acurdo con Moscú, venían desarrollando para
adueñarse de Francia. La guerra de España ha dado ocasión a la prensa digna
para descubrir concomitancias, negocios sucios, finalidades anti-francesas de
las que eran autores o cómplices los judíos residentes en Francia.Incluso se ha
puesto de manifiesto como un Blum, de origen hebraico, ponía los ideales de su
raza por encima de los ideales de la Patria en la que residía. (...) Para los
judíos, es Francia la nación de occidente en la que tienen puestas sus mejores
esperanzas. Ha fallado la carta de España, jugada en convivencia con los rojos
de todo el mundo. Y no quieren que falle la carta de Francia. Por eso es
preciso que Francia caiga aherrojada, sin derecho a la protesta pública, en
manos del judaísmo. Y sabido es que cuando los judíos actúan es para causar a alguien
un perjuicio. Ahora se intenta perjudicar a Francia. Pero hay que esperar que
la nación francesa, que tiene reciente el ejemplo de España, no ha de avenirse
a ser una esclava de los <ghetos>”.
Palabras premonitorias cando
menos as que se publicaban en Lugo en 1939. Palabras infames, se temos en
conta, que a palabra “ghetos” collería unha dimensión diferente en poucos
meses, unha dimensión que pasa por nomes como os de Cracovia, Varsovia, Lodz
... unha palabra maldita definitivamente pero que non produciría nin a máis
mínima desculpa por parte dos xornalistas lucenses unha vez que a historia
revelou toda a infamia do ser humano. Pensaría nesa palabra Ramón Ferreiro
Rodríguez-Lago cando chegou ao seu posto de gobernador civil en Maio de 1941?
Pensaría nos ghetos? Porque o primeiro documento que Ramón Ferreiro terá encima
da súa mesa de gobernador lucense non será outro que a circular enviada pola
Dirección General de Seguridad para que realice informes individuais de “todos los israelitas nacionales y extranjeros
afincados en esa provincia”. Faríao Ramón Ferreiro? Iría algún nome lucense
naquela lista de 6000 xudeus que José Final Escrivá de Romaní, Conde de
Mayalde, levou a Berlín para facerlle entrega a Heinrich Himmler como regalo de
Franco? Sabería Ramón Ferreiro que entre eses nomes estaba o de Germaine Cahen,
esposa xudía do seu amigo o poeta Jorge Guillén? Aparecía algún nome lucense o
20 de xaneiro de 1942 no pazo de Wansee, preto de Berlín, na lista de xudeus españois
que levaba gardada nunha carpeta Reinhard Heydrich, acompañado de Adolf
Eichmann, para asistir a unha reunión que a historia coñecerá como “a solución
final”?.
Editorial publicada en Lugo en 1939 |
Pero estamos en 1937, o 1 de
Marzo, e entre todas as figuras que se dan cita neste acto fascista destaca
unha, cando menos unha central nesta nosa historia: a do cónsul alemán na
provincia de Lugo, empresario do wolframio nazi e señor absoluto da comarca de
Lemos, Federico Guillermo Cloos.
Pero teremos tempo para falar de Cloos, de
Friedrich Wilhem Cloos, ou o que é o mesmo, o espía nazi en busca captura polos
aliados despois da guerra con prioridade III e grao de oficial, non se vai ir
Cloos pola porta de atrás da historia de forma tan doada, é unha figura
central, como ben sabía a OSS americana. De momento Cloos asiste a este acto de
exaltación do partido no que milita, é dicir, do Partido Nacional Socialista de
Adolf Hitler, acompañado polas autoridades lucenses. Agora soa o himno de
España e remata o acto nazi en Lugo. A xente pérdese naquela noite de Marzo
polo silencio do Cantón Velarde. É certo, vai frío en Lugo. Aínda o que mais
doe, o que é, sen dúbida, máis ferinte, é aquel carteliño que queda, entre solitario
e macabro, colgado nas portas do Círculo das Artes: “Agotadas todas las localidades”.
Federico Guillermo Cloos |